ENCONTRO DA ASOCIACIÓN DE EXALUMNOS E AMIGOS
DO SEMINARIO MENOR.
Este venres, festa de San Rosendo, conmemorabamos o LX aniversario da colocación da primeira pedra do Seminario Menor. Todo o que é grande ha ter uns comezos humildes, todo o importante empezou tamén nos pequenos xestos. É por iso que, cheos de alegría, podemos afirmar que este sábado puxemos a primeira pedra de SEMDA, a Asociación de exalumnos e amigos do Seminario.
Certo é que desde fai moitos anos véñense celebrando varios encontros das distintas promocións que pasaron por estas aulas, pero faltaba a oportunidade de atoparnos as distintas xeracións que conforman a historia viva de Belvís. Por iso, este sábado reunímonos un pequeno grupo (70 persoas) que abarcaba desde a primeira promoción (1955) ata alumnos actuais. Xuntos poidemos repasar os cambios acaecidos, as innumerables anécdotas, a importancia da formación humana, cristiá e académica… Na Eucaristía demos grazas por todo o recibido e pedimos por aqueles que xa non están entre nós. A pulpada puxo o broche de ouro a unha xornada que promete repetirse; todos os anos volveremos reunirnos no sábado inmediatamente posterior ao 1 de marzo, festa de San Rosendo. Esperamos seguir crecendo e que, como en tempos pasados, a capela volva resultar insuficiente para acollernos.